Lugo acollerá a próxima semana as xornadas finais do Proxecto Atlante, nas que se fará unha análise e se presentarán as conclusións dos traballos realizados polos socios dende o 2003, ano do comezo do proxecto. Así o avanzou esta mañá o Alcalde, José López Orozco.
As xornadas comezarán o martes e terán lugar durante todo o día e o mércores pola mañá, na sala de Exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra.
O Proxecto Atlante, aprobado pola iniciativa comunitaria Interreg III, está integrado polas cidades portuguesas de Porto, Guimaraes, Évora e Angra do Heroísmo e polas galegas Santiago de Compostela e Lugo. Todas elas contan coa distinción de Patrimonio da Humanidade e están situadas na vertente atlántica europea.
Está financiado con 1.908.000 euros, dos que 448.000 proceden da financiación pública e o resto do FEDER. O Concello lucense aporta 70.750 euros.
O obxectivo deste proxecto, como lembrou o Alcalde, é "repensar as cidades históricas dende unha formación integral, buscando fómulas que permitan un desenvolvemento económico e de servizos que faga dos centros históricos zonas vivas e atractivas para os veciños e para os turistas".
Durante estes dous anos desenvolvéronse unha serie de accións piloto e creáronse varios grupos de traballo sectorial para abordar temas como o turismo, o medio ambiente, a movilidade, os modelos de xestión, a seguridade e o despoboamento, entre outros.
Estas xornadas reunirán preto de 30 técnicos das diferentes cidades, que traballaron activamente en cada un dos grupos temáticos e que serán os encargados de dar a coñecer os resultados dos mesmos.
|